Thursday 02 de May de 2024

A Xunta incrementa nun 15% as compensacións económicas destinadas á asistencia xurídica gratuíta


― O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo esta mañá unha xuntanza coa presidenta do Consello da Avogacía Galega, Pilar López-Guerrero, onde lle avanzou os novos baremos

― O Goberno galego dá continuidade así ao seu compromiso con este servizo fundamental, unha aposta que se reflicte nos orzamentos de 2022, nos que a partida destinada a este fin acada os 13,3M€

― Galicia mantense entre os primeiros postos de España no que se refire ás contías das remuneracións aos letrados da quenda de oficio

A Xunta incrementará de media nun 15% as compensacións económicas destinadas a avogados e procuradores polas actuacións dos seus colexiados no ámbito da asistencia xurídica gratuíta, tal e como avanzou hoxe o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, á presidenta do Consello da Avogacía Galega, Pilar López-Guerrero.

A Xunta reafirma o compromiso coa asistencia xurídica gratuíta, unha aposta grazas á que Galicia se sitúa actualmente entre os primeiros postos de España no referente ás compensacións aos profesionais da quenda de oficio. Precisamente, este compromiso xa se reflectiu nos orzamentos de 2022, cunha partida de 13,3 millóns de euros específica para a asistencia xurídica gratuíta.

O Goberno Galego continúa avanzando así na mellora da asistencia xurídica gratuíta, un servizo fundamental para garantir a igualdade de acceso á Xustiza de toda a cidadanía. As novas contías estarán vixentes desde o cuarto trimestre de 2021 cun horizonte temporal de 4 anos.

No relativo aos avogados, supón un incremento do 15 % nos baremos que perciben por atender a quenda de oficio. Ademais disto, inclúe un incremento en base ao IPC galego na última anualidade. As melloras supoñen o incremento das contías en todos os procedementos, ademais de que tamén amplía a compensación a novos conceptos antes non contemplados.

Entre estes avances destaca incluso unha suba ao redor do 40% nos procesos sobre a adopción de medidas xudiciais de apoio a persoas con discapacidade e nos procesos de medidas en materia de familia, e tamén un incremento económico salientable nas contías que perciben os letrados na asistencia á orde de protección nos casos de violencia de xénero e doméstica.